O DIRECTOR XERAL DE COMERCIO, GABRIEL ALÉN PRESENTA EN REDONDELA O NOVO PROGRAMA FORMATIVO PARA O COMERCIO LOCAL
Un ciclo formativo estratéxico para reforzar o talento, a modernización e a competitividade do comercio local.
A Asociación de Empresas de
Redondela anuncia o inicio, mañá mércores, do Programa Formativo para o
Comercio Local 2026, unha iniciativa destinada a reforzar as competencias
profesionais dos establecementos do Centro Comercial Aberto de Redondela e a
impulsar a modernización do sector a través de contidos prácticos, actuais e
orientados á mellora continua.
O novo ciclo foi presentado
polo Director Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén,
quen destacou o compromiso da Dirección Xeral de Comercio co desenvolvemento do
tecido comercial de proximidade e a importancia de ofrecer ferramentas que
permitan aos comerciantes adaptarse ás novas demandas do mercado. Este
programa, financiado pola Dirección Xeral de Comercio, inclúe sesións
especializadas en xestión empresarial, comunicación comercial, estratexia
dixital, atención ao cliente e innovación aplicada ao pequeno comercio. As
actividades desenvolveranse ao longo das próximas semanas en formato
presencial, con prazas limitadas e inscrición gratuíta para os establecementos
asociados.
A sesión inaugural, titulada “Impulso Comercial 360: Coñécete, lidera e transforma o teu comercio”, celebrarase mañá en formato kick-off
meeting de 09:00 a 10:00 h. Trátase dunha experiencia breve pero
transformadora, centrada no autocoñecemento, o autoliderado e na estratexia,
con aplicación directa ao día a día dun pequeno negocio.
A sesión contará coa
participación de Isorna Juncal e Begoña
R. Collazo, profesionais da empresa Intrategia, entidade especializada en desenvolver
habilidades de liderado, cohesión de equipos e cultura corporativa centrada nas
persoas. Intrategia destaca pola súa metodoloxía orientada a potenciar o
talento humano e a diferenciación estratéxica das marcas. Estes dous aspectos —talento e
diferenciación— son cuestións nas que a Asociación de Empresas de Redondela
leva anos traballando de maneira activa, promovendo
accións que axuden aos comercios a reforzar a súa identidade, mellorar a súa
capacidade de adaptación e incrementar a súa competitividade nun mercado cada
vez máis esixente.
A colaboración con Intrategia
supón un valor engadido para este ciclo formativo no que se tratarán elementos
clave para fortalecer a competitividade do comercio local e para acompañar aos
establecementos nun proceso de transformación sostida e realista.
O comezo das sesións está
previsto para mañá ás 9:00h, e desde a entidade animamos a todos os comercios
da vila a informarse a participar activamente neste ciclo formativo que busca xerar
impacto real no día a día dos negocios.