PRESENTACIÓN RNC2026-WEB.jpg

A ASOCIACIÓN DE EMPRESA DE REDONDELA PRESENTA “REDONDELA NO CAMIÑO”, A NOVA CAMPAÑA QUE REFORZA O COMERCIO LOCAL E A IDENTIDADE HISTÓRICA DA VILA

A campaña desenvolverase os días 23 e 24 de outubro

A Asociación de Empresas de Redondela presentou a campaña REDONDELA NO CAMIÑO, unha iniciativa que nace coa vontade de poñer en valor a esencia da vila, a súa historia, o seu comercio e a súa identidade colectiva. O proxecto reivindica o papel estratéxico de Redondela como punto de encontro dos camiños —non só das variantes do Camiño Portugués, senón tamén dos camiños prehistóricos, romanos, medievais, marítimos, fluviais e ferroviarios— que ao longo de séculos configuraron a súa evolución urbana, económica e social.

A proposta conta co respaldo da Xunta de Galicia e do Concello de Redondela, que quixo deixar claro que a negativa a situar en Vilavella o punto focal da campaña non implica falta de apoio á iniciativa. O goberno local recoñece o potencial económico do proxecto, o seu impacto positivo no comercio de proximidade e a súa capacidade para reforzar o atractivo da vila, polo que subliña que a decisión sobre a ubicación non altera o respaldo institucional á campaña.

A presentación contou tamén coa participación da Xunta de Galicia, que destacou o carácter extraordinario da campaña e a súa capacidade para reforzar a conexión entre o comercio local e a historia da vila. O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, subliñou que “Redondela no Camiño” é unha das cinco campañas mellor valoradas na convocatoria autonómica, apoiada pola Xunta dentro das axudas aos Centros Comerciais Abertos, cun investimento global de máis de 2,35 millóns de euros para 56 entidades en toda Galicia . O Executivo galego salientou a posición estratéxica de Redondela como punto de confluencia das dúas variantes do Camiño Portugués —a Central e a da Costa— e puxo en valor unha iniciativa que transforma o fluxo de peregrinos e visitantes nunha oportunidade para dar visibilidade ao comercio de proximidade e xerar novas sinerxías económicas e sociais.

Un programa multidisciplinar para redescubrir Redondela

A campaña articúlase arredor de catro eixos principais:

·       Feira Comercial, corazón da iniciativa, que transforma a tradicional Feira de Oportunidades nun espazo multisectorial con comercio, artesanía e gastronomía.

·       Ruta Comercial, un percorrido urbano con decoración temática, interacción a través do Pasaporte Redondelano e elementos expositivos sobre a historia comercial da vila.

·       Exposición “Redondela: A historia da vila comercial”, centrada na importancia dos camiños na configuración de Vilavella e Vilanova. Unha exposición que convida a reflexionar sobre o papel dos camiños como fío conductor que explica a súa orixe, a súa economía, o seu urbanismo e a súa identidade como vila comercial e de servizos”.

·       Actividade cultural e artística “Sentarte no Camiño”, que reforza a imensión creativa, comunitaria e participativa da campaña.

Pola súa banda, a Asociación de Empresas destaca que a campaña busca atraer visitantes, reforzar o consumo de proximidade e consolidar Redondela como destino comercial e cultural vinculado ao Camiño de Santiago.

Datas e lugar de celebración

A Feira Comercial REDONDELA NO CAMIÑO celebrarase os días 23 e 24 de outubro de 2026 na rúa Ribeira, converténdose no eixo central dunha programación que combina historia, comercio, participación cidadá e identidade local. O espazo feiral instalarase ao longo da Rúa Ribeira e contará cun máximo de 19 postos, debido ás características e limitacións do emprazamento.

Paralelamente, medra de forma notable a Ruta Comercial, que nesta edición reunirá arredor de medio cento de establecementos implicados en actividades, decoración temática e accións de interacción comercial vinculadas ao Pasaporte Redondelano, reforzando así a participación do tecido empresarial da vila.

A campaña desenvolverase ao longo das dúas xornadas, e os postos situados na zona feiral permanecerán abertos en horario continuo, de 10:00 a 20:00 horas, ofrecendo ao público unha ampla variedade de propostas comerciais, artesanais e gastronómicas.