plantilla-foto-noticia-web.jpg

O DIRECTOR XERAL DE COMERCIO, GABRIEL ALÉN PRESENTA EN REDONDELA O NOVO PROGRAMA FORMATIVO PARA O COMERCIO LOCAL

Un ciclo formativo estratéxico para reforzar o talento, a modernización e a competitividade do comercio local.

A Asociación de Empresas de Redondela anuncia o inicio, mañá mércores, do Programa Formativo para o Comercio Local 2026, unha iniciativa destinada a reforzar as competencias profesionais dos establecementos do Centro Comercial Aberto de Redondela e a impulsar a modernización do sector a través de contidos prácticos, actuais e orientados á mellora continua.

 

O novo ciclo foi presentado polo Director Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, quen destacou o compromiso da Dirección Xeral de Comercio co desenvolvemento do tecido comercial de proximidade e a importancia de ofrecer ferramentas que permitan aos comerciantes adaptarse ás novas demandas do mercado. Este programa, financiado pola Dirección Xeral de Comercio, inclúe sesións especializadas en xestión empresarial, comunicación comercial, estratexia dixital, atención ao cliente e innovación aplicada ao pequeno comercio. As actividades desenvolveranse ao longo das próximas semanas en formato presencial, con prazas limitadas e inscrición gratuíta para os establecementos asociados.

 

A sesión inaugural, titulada “Impulso Comercial 360: Coñécete, lidera e transforma o teu comercio”, celebrarase mañá en formato kick-off meeting de 09:00 a 10:00 h. Trátase dunha experiencia breve pero transformadora, centrada no autocoñecemento, o autoliderado e na estratexia, con aplicación directa ao día a día dun pequeno negocio.

 

A sesión contará coa participación de Isorna Juncal e Begoña R. Collazo, profesionais da empresa Intrategia, entidade especializada en desenvolver habilidades de liderado, cohesión de equipos e cultura corporativa centrada nas persoas. Intrategia destaca pola súa metodoloxía orientada a potenciar o talento humano e a diferenciación estratéxica das marcas. Estes dous aspectos —talento e diferenciación— son cuestións nas que a Asociación de Empresas de Redondela leva anos traballando de maneira activa, promovendo accións que axuden aos comercios a reforzar a súa identidade, mellorar a súa capacidade de adaptación e incrementar a súa competitividade nun mercado cada vez máis esixente.

 

A colaboración con Intrategia supón un valor engadido para este ciclo formativo no que se tratarán elementos clave para fortalecer a competitividade do comercio local e para acompañar aos establecementos nun proceso de transformación sostida e realista.

 

O comezo das sesións está previsto para mañá ás 9:00h, e desde a entidade animamos a todos os comercios da vila a informarse a participar activamente neste ciclo formativo que busca xerar impacto real no día a día dos negocios.