CAMPAÑA BLACK FRIDAY-noticia web.jpg

A ASOCIACIÓN DE EMPRESAS DE REDONDELA IMPULSA A CAMPAÑA «DESCONTOS QUE NON SON CONTOS» PARA REIVINDICAR O VALOR DO COMERCIO LOCAL NO BLACK FRIDAY

Os establecementos que participan nesta iniciativa apostan pola transparencia, a confianza e as promocións reais no comercio de proximidade.

A Asociación de Empresas de Redondela presentou hoxe a campaña de Black Friday 2026 baixo o lema «Descontos que non son contos», unha iniciativa coa que o comercio local quere poñer en valor os seus principais sinais de identidade fronte á progresiva desvirtuación dunha das campañas comerciais con maior visibilidade e seguimento por parte das persoas consumidoras.

A través desta acción, os establecementos participantes ofrecerán durante os próximos días 27 e 28 descontos e promocións especiais en múltiples sectores, desde moda, deporte, lencería, calzado e complementos ata fogar,  alimentación, servizos persoais ou lecer. Toda a información sobre os comercios adheridos e as ofertas destacadas pode consultarse no espazo web habilitado para a campaña.

Desde a Asociación destacan que o obxectivo non é só fomentar as compras nesta recta final de novembro, senón tamén lembrar á cidadanía que o comercio local continúa sendo unha garantía de confianza, proximidade e profesionalidade. "Descontos que non son contos" reivindica así un modelo comercial no que a atención personalizada, o asesoramento profesional e a transparencia nos prezos forman parte da experiencia de compra.

A campaña pon o acento na credibilidade dos establecementos de proximidade, que manteñen unha relación directa coa súa clientela durante todo o ano e que apostan por promocións reais e honestas. Nun contexto no que moitas persoas consumidoras perciben certa saturación de ofertas e reclamos comerciais, o comercio de Redondela reivindica a importancia de mercar preto, con confianza e sabendo quen está detrás de cada negocio.

A iniciativa complétase cunha intensa campaña de comunicación en redes sociais e soportes dixitais, onde os propios establecementos están a dar a coñecer as súas promocións e produtos destacados, contribuíndo a dinamizar a actividade económica local e a reforzar a imaxe do Centro Comercial Aberto de Redondela como un espazo atractivo para realizar as compras do Black Friday.

A Asociación de Empresas de Redondela anima á clientela e ás persoas visitantes a descubrir as ofertas dos comercios participantes e a aproveitar esta campaña para apoiar ao tecido empresarial local, xerador de emprego, riqueza e vida nas rúas da vila.