A ASOCIACIÓN DE EMPRESAS DE REDONDELA IMPULSA A CAMPAÑA «DESCONTOS QUE NON SON CONTOS» PARA REIVINDICAR O VALOR DO COMERCIO LOCAL NO BLACK FRIDAY
Os establecementos que participan nesta iniciativa apostan pola transparencia, a confianza e as promocións reais no comercio de proximidade.
A Asociación de
Empresas de Redondela presentou hoxe a campaña de Black Friday 2026 baixo o
lema «Descontos que non son contos», unha iniciativa coa que o comercio
local quere poñer en valor os seus principais sinais de identidade fronte á
progresiva desvirtuación dunha das campañas comerciais máis … do ano.
A través desta
acción, os establecementos participantes ofrecerán durante os próximos días 27
e 28 descontos e promocións especiais en múltiples sectores, desde moda, deporte,
lencería, calzado e complementos ata fogar, alimentación, servizos persoais ou lecer. Toda
a información sobre os comercios adheridos e as ofertas destacadas pode
consultarse no espazo web habilitado para a campaña.
Desde a
Asociación destacan que o obxectivo non é só fomentar as compras nesta recta
final de novembro, senón tamén lembrar á cidadanía que o comercio local
continúa sendo unha garantía de confianza, proximidade e profesionalidade.
"Descontos que non son contos" reivindica así un modelo comercial no
que a atención personalizada, o asesoramento profesional e a transparencia nos
prezos forman parte da experiencia de compra.
A campaña pon o
acento na credibilidade dos establecementos de proximidade, que manteñen unha
relación directa coa súa clientela durante todo o ano e que apostan por
promocións reais e honestas. Nun contexto no que moitas persoas consumidoras
perciben certa saturación de ofertas e reclamos comerciais, o comercio de
Redondela reivindica a importancia de mercar preto, con confianza e sabendo
quen está detrás de cada negocio.
A iniciativa
complétase cunha intensa campaña de comunicación en redes sociais e soportes
dixitais, onde os propios establecementos están a dar a coñecer as súas
promocións e produtos destacados, contribuíndo a dinamizar a actividade
económica local e a reforzar a imaxe do Centro Comercial Aberto de Redondela
como un espazo atractivo para realizar as compras do Black Friday.
A Asociación de
Empresas de Redondela anima á clientela e ás persoas visitantes a descubrir as
ofertas dos comercios participantes e a aproveitar esta campaña para apoiar ao
tecido empresarial local, xerador de emprego, riqueza e vida nas rúas da vila.