FOTO NOTICIA SAN VALENTÍN.png

A ASOCIACIÓN DE EMPRESAS DE REDONDELA IMPULSA A CAMPAÑA DE SAN VALENTÍN 2026 PARA DINAMIZAR O COMERCIO E A HOSTALARÍA DE REDONDELA

Comercio, hostalaría e servizos únense nunha acción conxunta para dinamizar Redondela durante San Valentín

A Asociación de Empresas de Redondela presentou hoxe a Campaña de San Valentín 2026, unha iniciativa que baixo slogan “CELEBRA SAN VALENTÍN EN REDONDELA” busca promover a participación non só do comercio, senón tamén da hostalaría e de múltiples actividades do sector servizos, ofrecendo, polo tanto, non so una oferta comercial atractiva senón tamén experiencias especiais durante a semana do 14 de febreiro. A acción conta coa colaboración do Concello de Redondela, que suma una importante programación festiva e cultural con motivo da celebración do entroido en Redondela. Esta campaña enmárcase tamén dentro do proxecto de dinamización do Centro Comercial Aberto de Redondela polo que conta co financiamento da Xunta de Galicia. A cartelería inclúe por primeira vez a identidade gráfica da nova marca da Xunta de Galicia, COMERCIO GALEGO.

A campaña presenta propostas gastronómicas, promocións comerciais e actividades pensadas para desfrutar en parella, en familia e, en xeral, cos seres amados, co obxectivo de reforzar a actividade económica do municipio nestas datas tan sinaladas. Entre as accións previstas destacan:
  • Ceas e tapeos románticos en establecementos hostaleiros adheridos.
  • Promocións e agasallos no comercio local, especialmente no Centro Comercial Aberto e en Chapela.
  • Aloxamentos con propostas especiais para escapadas románticas.
  • E un programa festivo e cultural, convertido a Redondela nun espazo especial para celebrar San Valentín.
Durante a presentación oficial, representantes do Concello e a Asociación destacaron a importancia de apostar polo comercio e a hostalaría de proximidade, subliñando que este tipo de campañas contribúen a fortalecer o tecido empresarial e a crear un ambiente atractivo para residentes e visitantes.
A Asociación de Empresarios anima á cidadanía a participar, desfrutar das propostas e celebrar o amor apoiando aos negocios locais. Toda a información estará dispoñible na web https://www.empresasredondela.gal/noticias/campana-de-san-valentin-2026 e nas redes sociais da asociación de empresas de redondela.