O IGAPE APOIA ÁS EMPRESAS DA ECONOMÍA AZUL DE REDONDELA E A SÚA COMARCA CUN PROGRAMA PIONEIRO PARA AS EMPRESAS LOCAIS
Un impulso decisivo para que as empresas de Redondela dean o salto á innovación, á eficiencia e ás novas oportunidades do mar.
A Asociación de Empresarios de Redondela acolleu hoxe a presentación oficial do
Proxecto Redondela Economía Azul, unha iniciativa estratéxica que busca
fortalecer a competitividade das empresas de Redondela e da comarca mediante a
incorporación de tecnoloxías dixitais, ferramentas innovadoras e novos modelos
de negocio vinculados ao mar, aos recursos costeiros e á sustentabilidade.
O proxecto, que conta co apoio do IGAPE, foi presentado nun acto
institucional que reuniu a representantes empresariais e institucionais de
primeiro nivel. Entre eles destacaron Norberto Penedo, director de
Competitividade do Igape, e Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de
Empresarios de Galicia, quen puxeron en valor a traxectoria histórica de
Redondela vinculada ao mar e o seu potencial actual como enclave estratéxico
para o desenvolvemento da economía azul en Galicia
Durante a xornada explicouse que o proxecto inclúe un programa de
obradoiros gratuítos, dirixidos a empresas, autónomos e profesionais, cun
enfoque eminentemente práctico e orientado a resultados. As sesións están
deseñadas para axudar ás empresas a:
- Identificar novas oportunidades de negocio vinculadas á economía azul.
- Incorporar tecnoloxías dixitais e ferramentas de intelixencia artificial.
- Mellorar a eficiencia operativa e a sustentabilidade.
- Coñecer casos de éxito e tendencias actuais en innovación empresarial.
- Debater posibles proxectos colaborativos entre empresas da comarca.
O presidente da Asociación de Empresarios de Redondela destacou que “este
proxecto supón unha oportunidade real para que as empresas locais se posicionen
nun ámbito económico en crecemento, con potencial para xerar emprego de
calidade e atraer novos investimentos”.
Un programa formativo e de consultoría estruturado en catro sesións clave
O calendario de obradoiros, que se desenvolverán entre o 13 de maio e o 4
de xuño, inclúe catro sesións temáticas impartidas por profesionais de referencia
no ámbito da dixitalización, os datos e a intelixencia artificial:
Sesión 1 – Tecnoloxía,
dixitalización e competitividade
13 de maio, 16:30 – 18:30 h
Impartida por Gerardo
Estévez, consultor con máis de 40 anos de experiencia, esta sesión abordará a
relación entre tecnoloxía e estratexia empresarial, así como o impacto da
dixitalización nas pemes.
Sesión 2 – Datos: captura, almacenamento e
visualización
20 de maio, 16:30 – 18:30 h
A cargo de Erika
Rodríguez e Alejandro García, centrada en ERP, CRM, automatización de procesos
(RPA) e ferramentas BI para a toma de decisións.
Sesión 3 – Intelixencia Artificial: conceptos,
tipoloxías e casos de uso
27 de maio, 10:00 – 12:00 h
Unha sesión para comprender
a IA aplicada a previsións, análises, xeración de contidos e automatización
documental. A cargo de Erika Rodríguez.
Sesión 4 – Outras tecnoloxías para a
sustentabilidade
3 de xuño, 16:30 – 18:30 h
Con Gerardo Estévez e
Gonzalo Abuín, centrada en IoT, eficiencia enerxética, blockchain e
trazabilidade.
Inscricións abertas
As empresas interesadas poden inscribirse xa a través da web da Asociación
de Empresarios de Redondela: https://www.empresasredondela.gal/noticias/proxecto-redondela-economia-azul
. O programa está aberto a compañías de
todos os sectores, directa ou indirectamente vinculados co ecosistema produtivo
do mar.
O Proxecto Redondela Economía Azul busca así favorecer a diversificación
económica, impulsar a competitividade e crear novas sinerxías entre actividades
tradicionais e emerxentes, consolidando Redondela como un territorio innovador
e preparado para os retos da economía do futuro.
Se che interesa esta noticia podes solictar información a través deste formulario: