foto noticias igape.jpg

O IGAPE APOIA ÁS EMPRESAS DA ECONOMÍA AZUL DE REDONDELA E A SÚA COMARCA CUN PROGRAMA PIONEIRO PARA AS EMPRESAS LOCAIS

Un impulso decisivo para que as empresas de Redondela dean o salto á innovación, á eficiencia e ás novas oportunidades do mar.

A Asociación de Empresarios de Redondela acolleu hoxe a presentación oficial do Proxecto Redondela Economía Azul, unha iniciativa estratéxica que busca fortalecer a competitividade das empresas de Redondela e da comarca mediante a incorporación de tecnoloxías dixitais, ferramentas innovadoras e novos modelos de negocio vinculados ao mar, aos recursos costeiros e á sustentabilidade.

O proxecto, que conta co apoio do IGAPE, foi presentado nun acto institucional que reuniu a representantes empresariais e institucionais de primeiro nivel. Entre eles destacaron Norberto Penedo, director de Competitividade do Igape, e Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, quen puxeron en valor a traxectoria histórica de Redondela vinculada ao mar e o seu potencial actual como enclave estratéxico para o desenvolvemento da economía azul en Galicia

Durante a xornada explicouse que o proxecto inclúe un programa de obradoiros gratuítos, dirixidos a empresas, autónomos e profesionais, cun enfoque eminentemente práctico e orientado a resultados. As sesións están deseñadas para axudar ás empresas a:

  • Identificar novas oportunidades de negocio vinculadas á economía azul.
  • Incorporar tecnoloxías dixitais e ferramentas de intelixencia artificial.
  • Mellorar a eficiencia operativa e a sustentabilidade.
  • Coñecer casos de éxito e tendencias actuais en innovación empresarial.
  • Debater posibles proxectos colaborativos entre empresas da comarca.

O presidente da Asociación de Empresarios de Redondela destacou que “este proxecto supón unha oportunidade real para que as empresas locais se posicionen nun ámbito económico en crecemento, con potencial para xerar emprego de calidade e atraer novos investimentos”.

 

Un programa formativo e de consultoría estruturado en catro sesións clave

O calendario de obradoiros, que se desenvolverán entre o 13 de maio e o 4 de xuño, inclúe catro sesións temáticas impartidas por profesionais de referencia no ámbito da dixitalización, os datos e a intelixencia artificial:

 

Sesión 1 – Tecnoloxía, dixitalización e competitividade

13 de maio, 16:30 – 18:30 h
Impartida por Gerardo Estévez, consultor con máis de 40 anos de experiencia, esta sesión abordará a relación entre tecnoloxía e estratexia empresarial, así como o impacto da dixitalización nas pemes.

Sesión 2 – Datos: captura, almacenamento e visualización

20 de maio, 16:30 – 18:30 h
A cargo de Erika Rodríguez e Alejandro García, centrada en ERP, CRM, automatización de procesos (RPA) e ferramentas BI para a toma de decisións.

Sesión 3 – Intelixencia Artificial: conceptos, tipoloxías e casos de uso

27 de maio, 10:00 – 12:00 h
Unha sesión para comprender a IA aplicada a previsións, análises, xeración de contidos e automatización documental. A cargo de Erika Rodríguez.

Sesión 4 – Outras tecnoloxías para a sustentabilidade

4 de xuño, 16:30 – 18:30 h
Con Gerardo Estévez e Gonzalo Abuín, centrada en IoT, eficiencia enerxética, blockchain e trazabilidade.

 


Inscricións abertas

As empresas interesadas poden inscribirse xa a través da web da Asociación de Empresarios de Redondela: https://www.empresasredondela.gal/noticias/proxecto-redondela-economia-azul .  O programa está aberto a compañías de todos os sectores, directa ou indirectamente vinculados co ecosistema productivo do mar.

O Proxecto Redondela Economía Azul busca así favorecer a diversificación económica, impulsar a competitividade e crear novas sinerxías entre actividades tradicionais e emerxentes, consolidando Redondela como un territorio innovador e preparado para os retos da economía do futuro.

 

Participa

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.





Enviar