O DIRECTOR XERAL DE COMERCIO DESTACA EN REDONDELA OS VALORES DOS BONOS ACTIVA COMERCIO DURANTE A ENTREGA DOS PREMIOS DA CAMPAÑA DO DÍA DA NAI E DO PAI
A Asociación manifesta o seu agradecemento as máis de 200 deportistas locais que participaron na exposición Elas Xogan.
Redondela volveu xuntar ao
comercio local para a entrega dos premios da Campaña do Día da Nai e do Pai 2026,
organizada pola Asociación de Empresarios de Redondela (AER). Un acto que puxo
en valor a forza da colaboración institucional e no que o director xeral de
Comercio da Xunta de Galicia, Gabriel
Alén, avanzou a próxima posta en marcha dunha nova edición dos Bonos Activa Comercio,
unha das medidas máis esperadas polo sector.
O evento contou tamén coa presenza
do concelleiro de Emprego do Concello de Redondela, do presidente da Federación
Provincial de Comercio de Pontevedra e da Xunta Directiva da AER, evidenciando
unha vez máis a importancia da cooperación entre administracións e entidades
empresariais para fortalecer o tecido económico local.
As persoas premiadas nesta edición foron
María Barciela (Doble L), Alex Alejandra Martínez (Las Cositas de Rouss), Geni
Couñago Moreira (SML) e Conchi Vidal Gómez (Mercería Xeitosiña), todas elas
recoñecidas co premio dunha camiseta oficial do seu equipo favorito tras
validar correctamente os seus tickets na plataforma Participa!.
Campañas para
impulsar a interacción social do comercio e da clientela local
Baixo o lema “Xoga polo que cres. Aposta polo
comercio local”, a campaña do Día do Pai destacou polo seu
enfoque innovador, inspirado no universo deportivo como símbolo de esforzo,
compromiso e identidade comunitaria, e tivo continuidade durante a Campaña do
Día da Nai, que contou con diversas actuacións e iniciativas.
As persoas que realizaron compras
durante o período das campañas puideron participar no sorteo dunha camiseta oficial do seu equipo
favorito, rexistrando os tickets na plataforma Participa!. A campaña
mobilizou máis de 9.000
boletos de participación dixital.
Durante a campaña,
o deporte feminino tomou os escaparates coa exposición urbana “Elas Xogan”
Entre o 30 de abril e o 30 de
maio, os comercios participantes acollen a exposición “Elas Xogan”, unha
mostra que pon en valor as xogadoras dos equipos femininos de Redondela e o
talento deportivo de base. A iniciativa transforma as rúas nun percorrido visual
que reivindica o esforzo, a constancia e a paixón das deportistas que constrúen
o deporte desde abaixo.
Recoñecemento á
clientela local
Durante o acto, a AER agradeceu a
implicación cidadá e a participación das máis de 200 xogadoras dos clubs e equipos
locais que forman parte da exposición.
“Grazas a todas as persoas que mercaron, participaron e fixeron destas campañas un éxito. Seguimos impulsando un comercio vivo, diverso e próximo. Redondela xoga en equipo.”