foto noticia-festa do mercado.png

A PRAZA DE ABASTOS DE REDONDELA PRESENTA A SÚA I FESTA DE PRIMAVERA, UNHA HOMENAXE Á HISTORIA DOS MERCADOS LOCAIS

Un evento organizado pola Asociación de Empresarios de Redondela e a Asociación Alvedosa que enche a Praza de Abastos de actividade, tradición e participación coincidindo co Día dos Mercados.

A Praza de Abastos de Redondela xa comeza a vestir as cores de primavera coa instalación das primeiras decoracións da I Festa de Primavera, un evento promovido pola Asociación de Empresarios de Redondela co apoio da Xunta de Galicia e do Concello, que converterá o mercado nun espazo cheo de vida, tradición e actividade comercial.

A presentación oficial contou coa presenza do director xeral de Comercio, Gabriel Alén, quen destacou “o papel esencial das prazas de abastos como motor económico, punto de encontro social e símbolo da identidade das vilas galegas”. Subliñou tamén o compromiso da Xunta co impulso do comercio de proximidade e coa modernización dos mercados tradicionais.

Unha festa para celebrar a historia dos mercados de abastos e o comercio local

A edición inaugural da Festa de Primavera está dedicada á historia das Prazas de Abastos de Redondela, cunha programación pensada para todos os públicos e orientada a dinamizar o mercado, recoñecer o seu valor patrimonial e fomentar as compras nos postos locais.

Entre as actividades previstas destacan:

  • Premios e agasallos especiais para o público asistente
  • Concursos e sorteos ao longo da mañá
  • Promocións exclusivas nos postos da Praza
  • Ambientación musical e atmosfera festiva
  • Degustacións de produtos locais
  • Xogos infantís e actividades creativas para as crianzas

Ademais, o público poderá visitar a exposición “A Historia dos Mercados”, un percorrido pola evolución arquitectónica, social e económica das prazas de abastos de Redondela, que pon en valor o seu papel como espazo de convivencia e dinamización comercial.

E o sábado contarase cunha sesión vermú co típico pulpeiro no espazo exterior da Praza de Abastos.

SELADO DA TARXETA DE CLIENTE para participar no Xogo da Ruleta

Dende o día 20 e ata o día 30 de maio, os praceiros e praceiras están repartindo entre todas as persoas clientes as tarxetas de cliente, nas que se poden acumular selos polas compras e participar no popular Xogo da Ruleta, con numerosos agasallos e sorpresas.

Horarios da ruleta:

  • Venres 29: 11:00h–11:30h e 12:00h–12:30h
  • Sábado 30: 12:00h–12:30h e 13:00h–13:30h

Un espazo para a infancia

O sábado 30, a Praza converterase tamén nun espazo de descubrimento para os máis pequenos, con xogos tradicionais, unha gincana para coñecer o mercado e un taller creativo de delantais.

Declaración institucional

Desde a Asociación de Empresas de Redondela sublíñase que esta iniciativa “busca reforzar o vínculo entre a cidadanía e o comercio local, poñendo en valor a historia das nosas prazas de abastos e ofrecendo unha xornada festiva, participativa e aberta a toda a vila”. A entidade anima a toda a veciñanza a sumarse á celebración coincidindo co Día dos Mercados, que se conmemora precisamente este sábado 30 de maio, motivo polo que a Festa de Primavera se fai coincidir con esta data tan significativa para o comercio de proximidade.


VER ACTIVIDADES