2-PORTADA-SECUNDARIA.jpg

MODIFICACIÓNS DAS MEDIDAS DE PREVENCIÓN PREVISTAS, UNHA VEZ SUPERADA A FASE III DO PLAN PARA A TRANSICIÓN CARA A UNHA NOVA NORMALIDADE

Resumo das Modificación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada por COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 25 de xuño de 2020, polo que se introducen determinadas modificacións nas medidas de prevención previstas no Acordo do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.


MODIFICACIÓNS


USO OBRIGATORIO DE MÁSCARAS.


Entenderase que non é posible garantir o mantemento dunha distancia de seguridade interpersoal de, polo menos, 1,5 metros e, polo tanto, será obrigatorio o uso da máscara:

a) Sempre que se transite ou se estea en movemento pola vía pública e en espazos ao aire libre e, pola concorrencia doutras persoas, non se poida garantir en todo momento, atendidos o número de persoas e as dimensións do lugar, o mantemento da distancia de seguridade.

b) Sempre que se estea en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público e se poida concorrer no mesmo espazo con outras persoas usuarias.

O tipo de máscara que se debe empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria, agás nos usos profesionais para os que este tipo de máscara poida estar recomendada”. 


ALOXAMENTO TURÍSTICO DE ALBERGUE.


- Na modalidade de aloxamento turístico de albergue, polas súas especiais características, permitirase unha capacidade máxima do setenta e cinco por cento da súa capacidade máxima permitida.

-Poderanse realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil, cando estas se leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes ao 75 por cento da súa asistencia máxima habitual, cun máximo de 250 participantes, incluídos os monitores. Cando estas actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o 75 por cento da capacidade máxima do recinto, cun máximo de 150 participantes, incluídos os monitores”.



DISCOTECAS E RESTO DE ESTABLECEMENTOS DE LECER NOCTURNO.


- Discotecas e resto de establecementos de lecer nocturno.

    1. Os locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno poderán levar a cabo a súa actividade sen superar os dos terzos da súa capacidade.

     2. O consumo dentro do local poderá realizarse en barra ou sentado en mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes ou grupos de clientes situados na barra ou entre as mesas ou agrupacións de mesas.

     3. As terrazas ao aire libre destes establecementos limitarán a súa capacidade, para consumo sentado en mesa, ata o setenta e cinco por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez

    4. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de vinte e cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas.

    5. Deberanse establecer as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal e evitar aglomeracións tanto no interior do establecemento como no seu exterior e nas súas entradas e saídas.

     6. No caso de existir zona de baile, permitirase o seu uso cunha ocupación que en ningún caso será superior á que resulte da asignación de tres metros cadrados da pista por cada usuario.

    7. Tanto os clientes coma os traballadores do establecemento deberán portar máscara. Non deberá permitirse a presenza no establecemento daquelas persoas que incumpran esta obriga.

     8. Co fin de posibilitar o seguimento de posibles contactos nos casos de descubrimento posterior de presenza no local de casos de COVID-19, os establecementos deberán levar un rexistro para permitirlles aos clientes achegar, en todo caso voluntariamente, un número de teléfono para facilitar a súa localización polas autoridades sanitarias, nas condicións que se precisen no protocolo que aprobe a Administración autonómica sobre lecer nocturno e cumprindo en todo caso as exixencias derivadas da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal. O establecemento deberá conservar os datos coas debidas garantías durante o prazo de 28 días naturais, que se considera o estritamente indispensable para cumprir coa finalidade do rexistro. Os datos estarán á disposición exclusivamente das autoridades sanitarias e coa única finalidade de seguimento de posibles contactos de casos de COVID-19.

9. Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, deberán aplicarse as condicións previstas especificamente para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración, así como os protocolos ou as guías que poidan ser aprobados pola Administración autonómica para estas actividades. Nos establecementos que ofrezan espectáculos musicais, terase en conta ademais o establecido no número 2.12.


TRANSPORTE DE VIAXEIROS.


- Nos transportes públicos de viaxeiros en vehículos de ata nove prazas, incluído o condutor, poderán desprazarse tantas persoas como prazas teña o vehículo; ocuparanse en último lugar as prazas da fila do condutor”.




Enlaces relacionados