FOTO-NOTICIA-WEB-CAMP-EXTRAORDINARIA.png

A XUNTA DE GALICIA OUTORGA AO CENTRO COMERCIAL ABERTO DE REDONDELA UNHA CAMPAÑA EXTRAORDINARIA PARA POÑER EN VALOR O COMERCIO LOCAL A TRAVÉS DO CAMIÑO DE SANTIAGO.

A iniciativa, presentada pola Asociación de Empresas de Redondela, foi unha das cinco mellor valoradas da convocatoria autonómica para Centros Comerciales Abertos para o ano 2026, que recoñece proxectos innovadores de dinamización comercial en toda Galicia.

A Asociación de Empresarios de Redondela prepárase para por en marcha a campaña extraordinaria REDONDELA NO CAMIÑO, unha iniciativa que nace da necesidade de que o comercio local e todos os negocios da vila reflexionen sobre o impacto crecente do Camiño de Santiago, e traballen unidos para aproveitar esta fortaleza como motor económico, social e turístico. Redondela é hoxe un punto de encontro natural para miles de peregrinos, e esta realidade debe ser entendida como unha oportunidade estratéxica para reforzar o consumo de proximidade, incrementar a visibilidade dos establecementos e consolidar a vila como destino comercial e turístico de referencia. 

A proposta presentada pola Asociación foi recoñecida pola Xunta de Galicia como unha das mellor valoradas da convocatoria 2026, destacando “a posición estratéxica de Redondela como punto de confluencia das dúas variantes do Camiño Portugués: a Central e a da Costa”.


Vilavella, o corazón histórico e simbólico da campaña

O epicentro das actividades será Vilavella, porta sur do Centro Comercial Aberto e berce da vila. Este espazo conserva a esencia da antiga vila medieval, presidido polo seu convento e vinculado aos oficios tradicionais e aos mercados que deron vida ao comercio local. A súa relación histórica con Vilanova, separada polo río que durante séculos marcou a fronteira natural entre ambos barrios, forma parte do relato da campaña: dúas comunidades irmás unidas por intercambio comercial, convivencia e evolución urbana.

Este diálogo entre pasado e presente convértese nun eixo narrativo da iniciativa, recuperando a memoria colectiva e devolvendo protagonismo a un espazo que foi clave na configuración da identidade redondelá.

Un programa diverso para dinamizar o comercio e reforzar a identidade local

Actividades culturais e artísticas

A campaña incluirá accións que poñen en valor a historia comercial da vila e a súa relación co Camiño, mediante exposicións, intervencións creativas e contidos divulgativos que permitirán redescubrir o patrimonio local e conectar á veciñanza, visitantes e peregrinos coa identidade de Redondela.

Feira de artesanía, comercio e produtos locais

Durante a fin de semana celebrarase unha feira que reunirá artesanía, gastronomía e comercio local nun espazo común tematizado co espírito do Camiño. O obxectivo é ofrecer unha experiencia atractiva que combine compra, lecer e cultura, favorecendo a participación da cidadanía e atraendo novos públicos.

Pasaporte do Camiño

A campaña incorporará un pasaporte comercial que permitirá obter selos, acceder a vantaxes e participar en sorteos, incentivando o retorno de visitantes e peregrinos ao longo do ano e reforzando a fidelización coa vila.

Recoñecemento institucional ao labor do Centro Comercial Aberto de Redondela

Con esta campaña extraordinaria, Redondela reivindica a súa posición estratéxica no Camiño Portugués e nace coa vocación de consolidarse como un evento de referencia no ámbito comercial e turístico vinculado ao Camiño de Santiago, chamado a impulsar o comercio local e a proxectar a vila como destino comercial, cultural e turístico de referencia.