Teen-activa-local-noticia-web.png

A MOCIDADE DE REDONDELA IMAXINA O FUTURO DO COMERCIO LOCAL NA FINAL DO CONCURSO TEEN ACTIVA LOCAL 2026

A creatividade da mocidade redondelá protagoniza unha final chea de ideas para modernizar e fortalecer o comercio local.

A Asociación de Empresas de Redondela celebrou este xoves 18 de xuño a entrega dos Premios Teen Activa Local 2026, unha iniciativa que busca impulsar a creatividade da mocidade e achegar novas ideas para fortalecer o comercio de proximidade. O acto tivo lugar no exterior do Multiusos da Xunqueira, onde os seis grupos finalistas presentaron publicamente os seus proxectos ante representantes empresariais, profesorado, familias e medios de comunicación.

O concurso, organizado pola Asociación de Empresas de Redondel e apoiado pola Xunta de Galicia, retou ao alumnado participante a imaxinar solucións innovadoras para o comercio local, combinando tecnoloxía, sustentabilidade, deseño e novas formas de relación coa clientela. A iniciativa forma parte da aposta da Asociación por fomentar o espírito emprendedor entre a mocidade e reforzar a conexión entre centros educativos e tecido empresarial no marco das actividades de dinamización do Centro Comercial Aberto de Redondela

Premiados da edición 2026

Tras a exposición dos seis proxectos finalistas, o xurado recoñeceu o talento e o traballo, outorgando o primerio premio, todado con 500€ ao equipo os PEREGRINOS DO COLEXIO VIGO, composto polos seguintes participantes:

  • Iago Otero Rodríguez
  • Iago Chorén España
  • Jaime Andrés Suárez León
  • Paola Blanco López
  • Itzan Juncal Pequeño
  • Mateo Rodríguez Valverde

Os proxectos presentados destacaron pola súa capacidade para propoñer novas ferramentas dixitais, melloras na experiencia de compra, accións de dinamización comercial e ideas orientadas a reforzar a identidade do comercio de proximidade en Redondela.

Unha xeración creativa e comprometida

Durante o acto, a xerente da AER, Julia Alonso, subliñou “o enorme potencial creativo da mocidade de Redondela e a importancia de escoitar as súas propostas para construír un comercio máis moderno, atractivo e sostible”. Tamén agradeceu a implicación dos centros educativos e do profesorado, “pezas clave para conectar formación, innovación e realidade empresarial” e a todos os representantes da corporación municipal.

A AER destacou que iniciativas como Teen Activa Local permiten dar visibilidade ao talento xuvenil, conectar xuventude co comercio local, reforzar a colaboración entre entidades e promover unha visión positiva do comercio local como espazo de oportunidade, innovación e futuro.