foto-noticia-web-premios-sn2026.png

A ASOCIACIÓN DE EMPRESARIOS ENTREGA OS PREMIOS DA SHOPPING NIGHT 2026

NA PRESENTACIÓN DOS RESULTADOS DA ENQUISA REALIZADA CONSTÁTASE UN CAMBIO DE TENDENCIA NA FACTURACIÓN QUE NON DÁ REMONTADO DENDE A PANDEMIA E ADVIRTE DE QUE A RECUPERACIÓN DEPENDE DE QUE O CONCELLO SOLUCIONE AS CARENCIAS DE APARCADOIRO E ACCESIBILIDADE

A Asociación de Empresarios de Redondela fai entrega dos catro vales de compra de 50 € do sorteo do "Pasaporte Aloha".

 

O 92,4 % dos comercios cualifica a campaña como boa ou moi boa, aínda que a cifra de negocio mantén descensos de entre o 30 % e o 50 % respecto aos niveis pre-pandemia.

 

A falta de estacionamento e a menor chegada de visitantes de fóra do centro urbano identificanse como os factores clave na evolución dos ingresos.




A Asociación de Empresarios de Redondela realizou esta semana a entrega oficial dos premios correspondentes ao sorteo do Pasaporte Aloha, no marco da recente celebración da Aloha Shopping Night 2026. Esta acción promocional, que combinou animación nas rúas, descontos nocturnos e a ambientación temática do Centro Comercial Aberto, pecha a súa edición coa entrega de catro vales de compra por valor de 50 € cada un para consumir nos establecementos locais.

 

As persoas afortunadas no sorteo do Pasaporte Aloha foron:

 

·       Yasmine Ribero Garrido

·       Elvira Gómez Davila

·       Marta Montenegro González

·       Mónica Fernández Gómez

 

RESULTADOS DA ENQUISA: VALORACIÓN POSITIVA, PERO PREOCUPACIÓN POR UN CAMBIO DE TENDENCIA QUE NON LOGRA RECUPERAR OS NIVEIS DE PRE-PANDEMIA.

 

Xunto coa entrega de premios, a Asociación de Empresarios fixo públicos os resultados da enquisa de valoración realizada entre os establecementos participantes.

 

Os datos amosan un respaldo positivo en termos absolutos á dinamización comercial, pero tamén unha tendencia que comeza a preocupar de forma notable ao sector en canto á recuperación do volume de negocio.

·       Valoración xeral da campaña: O 92,4 % dos enquisados cualificou a xornada de xeito moi positivo (un 46,2 % outorgoulle un 5 sobre 5 e outro 46,2 % un 4 sobre 5).

  • Decoración e ambientación: Máis do 92 % valora con notable ou sobresaliente tanto a ambientación xeral da vila como o material e recursos decorativos facilitados pola Asociación aos locais.
  • Impacto en vendas: Para o 61,6 % dos establecementos, a facturación acadada durante a xornada da Shopping Night equivaleu ás vendas de entre 2 e 5 días ordinarios de traballo, logrando un 50 % dos negocios atender a máis de 50 clientes durante o evento.
  • Evolución respecto ao ano anterior: O 66,6 % considera que os seus resultados económicos melloraron ou igualaron os da edición de 2025, pero non logran acadar os niveis das edicións anteriores á pandemia.

 

Malia que a valoración absoluta do evento e da súa organización é moi alta e o sector aposta por dar continuidade a estes formatos, a análise evolutiva a medio prazo reflicte un cambio de tendencia nos niveis de facturación que non da remontado. O sector sinala de forma maioritaria as edicións anteriores á pandemia como o momento no que se acadaron os mellores rexistros de vendas.

 

Dende ese momento, estímanse descensos estruturais de facturación que oscilan entre o 30 % e o 50 % en función do sector de actividade (sendo Moda e Complementos o de maior representación, cun 69,2 %) e da localización do comercio.

 

Segundo se desprende da análise da enquisa, os factores determinantes aportados polos enquisados desta menor facturación con respecto á etapa pre-pandemia son:

1.     A falta de estacionamento e problemas de accesibilidade: A dificultade para aparcar nas inmediacións do Centro Comercial Aberto limita a chegada de público procedentes doutros concellos ou parroquias, que resultan fundamentais para o tecido comercial.

2.     Estreitamento do perfil de visitante: Ao reducirse a chegada de compradores de fóra, a asistencia aos eventos circunscríbese cada vez máis á clientela do propio núcleo urbano. Esta concentración do público obxectivo condiciona enormemente o teito de ingresos económicos que poden acadar os establecementos durante a noite de compras.

APOSTA POLA CONTINUIDADE E MELLORA DO CONTORNO URBANO

 

Desde a Asociación de Empresarios de Redondela subliñase a importancia de seguir promovendo este tipo de campañas que enchen de vida e actividade o comercio local, ao tempo que se fai un chamamento para traballar conxuntamente na mellora dos accesos e solucións de aparcadoiro que permitan recuperar a capacidade de atracción de visitantes de toda a comarca.

A Asociación de Empresas de Redondela reafirma o seu compromiso en seguir impulsando campañas de dinamización e en reforzar a colaboración institucional para mellorar a accesibilidade, a mobilidade e as condicións que permitan recuperar o potencial económico do Centro Comercial Aberto de Redondela.