OS COMERCIOS DE REDONDELA PRESENTAN A SÚA DECORACIÓN ESPECIAL DA ALOHA SHOPPING NIGHT
A ambientación temática dos establecementos transforma o Centro Comercial Aberto nun espazo Aloha para recibir á clientela na gran noite de compras do comercio local.
A Asociación de Empresarios de
Redondela presentou hoxe a decoración oficial da Aloha Shopping Night 2026,
unha das accións de dinamización comercial máis destacadas do verán no Centro
Comercial Aberto. Case medio centenar de establecementos participan nesta
iniciativa, enchendo as rúas de cor, elementos tropicais e ambientación
temática inspirada na cultura Aloha, símbolo de benvida, hospitalidade e
proximidade coa clientela.
A presentación, acompañada dunha fotografía
dos comercios coa súa decoración xa instalada, pon en valor o compromiso do
tecido empresarial local coa creación dun espazo urbano atractivo e festivo,
preparado para recibir á veciñanza e ás persoas visitantes na noite do venres
31 de xullo, cando se celebrará a Shopping Night 2026.
A temática Aloha estará presente
en toda a vila a través de escaparates decorados, fachadas ambientadas,
iluminación especial, música e tendas efémeras (pop‑up stores) que
transformarán o percorrido comercial nun escenario vibrante e cheo de
actividade. A iniciativa busca reforzar a identidade do comercio de proximidade
e ofrecer unha experiencia de compra diferente, visual e participativa.
A Shopping Night 2026 confluirá
ademais co Festival de Artistas de Rúa, organizado polo Concello de
Redondela, o que permitirá sumar espectáculos, música en vivo e propostas
culturais para todos os públicos. A programación inclúe actividades infantís,
accións para mocidade e iniciativas orientadas ao público adulto, consolidando
a cita como un evento familiar e de referencia no sur de Galicia.
Durante a noite, os
establecementos ofrecerán descontos exclusivos, promocións especiais e
avances de tempada, xunto co Pasaporte Aloha, que permitirá á
clientela selar as súas compras e gañar a vales de compra.
Como novidade, distribuiranse bolsas
reutilizables de gran tamaño, pensadas para facilitar as compras en varios
comercios e reducir o uso de embalaxes, reforzando o compromiso coa
sustentabilidade.
Toda a información sobre
establecementos participantes, programación, promocións e accións especiais
está dispoñible na landing page oficial da Asociación de Empresarios de
Redondela. www.empresasredondela.gal
https://www.empresasredondela.gal/noticias/aloha-shopping-night-2026
A entidade empresarial agradece a
colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Redondela, cuxo
apoio loxístico e institucional resulta fundamental para consolidar esta
iniciativa como unha das grandes citas comerciais e culturais do verán.