noticia web políticos.jpg

UN CONSENSO POLÍTICO UNÁNIME APOSTA POR UNHA INTERVENCIÓN INTEGRAL PARA REVITALIZAR A PRAZA DE ABASTOS DE REDONDELA

O sector praceiro advirte dunha situación límite e demanda certezas sobre prazos, alcance e execución dunha reforma imprescindible para garantir a continuidade da actividade comercial.

A celebración do Día dos Mercados deixou unha imaxe pouco habitual na política local: representantes de todos os grupos municipais coincidindo na necesidade de acometer unha reforma integral e de impacto na Praza de Abastos de Redondela. A fotografía institucional tomada durante o acto evidencia un consenso transversal sobre a urxencia de revitalizar este espazo histórico e garantir a súa viabilidade futura.

A Asociación de Empresas de Redondela, promotora da iniciativa e entidade que representa os intereses comúns das praceiras e praceiros, leva anos alertando do deterioro progresivo do edificio e da perda de competitividade fronte a outros formatos comerciais. A entidade considera que o respaldo político unánime abre unha oportunidade estratéxica para avanzar cara a un proxecto de modernización que combine actualización estrutural, dinamización comercial e posta en valor patrimonial.

Os praceiros sinalan que a situación é xa crítica e reclaman claridade sobre os prazos, o alcance e o modelo de intervención e segundo manifestaron, a continuidade de moitos postos depende directamente de que a reforma deixe de ser unha intención e se converta nun proceso planificado e calendarizado.

A Asociación subliña que a Praza de Abastos é un activo económico, turístico, social, cultural e  e identitario para Redondela, e que a súa transformación debe abordarse con criterios técnicos, participación cidadá e visión de futuro e reclaman poder coñecer as ideas e proxectos que se proponen así como aportar a súa propia visión. Para iso, nos próximos días porá en marcha unha enquisa pública dirixida á cidadanía e ao sector praceiro, co obxectivo de recoller prioridades, necesidades e propostas que permitan elaborar un documento de base para dar tralado ao concello e a todos os grupos políticos, facendo desde proxecto un proxecto de todos e para todos.

A xornada incluíu tamén unha exposición de paneis históricos que recollían a evolución arquitectónica e funcional dos distintos edificios municipais vinculados á actividade comercial —algúns deles visibles na imaxe—, subliñando o valor cultural e identitario da Praza de Abastos no conxunto urbano de Redondela.

Desde a Asociación destacan que a Praza de Abastos de Redondela vén de ser incorporada ao Catálogo de Bens de Patrimonio Litoral de Galicia, un recoñecemento institucional que avala o seu interese histórico e arquitectónico e que reforza a necesidade de acometer unha intervención que permita preservar, actualizar e poñer en valor un edificio clave na memoria urbana e na identidade comercial da vila.