O ALUMNADO DO CEIP PLURILINGÜE SANTA MARIÑA VISITA A PRAZA DE ABASTOS DA MAN DA ASOCIACIÓN DE EMPRESAS DE REDONDELA
A Asociación de Empresas de Redondela organizou unha
visita guiada á Praza de Abastos para o alumnado de 3º de Primaria do CEIP
Plurilingüe Santa Mariña, unha actividade orientada a achegar aos máis pequenos
a historia, o funcionamento e o valor social e económico deste espazo
emblemático da vila.
Durante o percorrido, os nenos e nenas puideron coñecer
de primeira man os diferentes postos, a variedade de produtos frescos
dispoñibles e a importancia de consumir alimentos de tempada e de proximidade.
Tamén aprenderon a identificar marcas e distintivos de calidade, así como a
orixe dos produtos que se venden na Praza.
A actividade desenvolveuse nun ambiente cheo de
curiosidade e participación, no que o alumnado formulou numerosas preguntas e
mostrou grande interese polo comercio local.
A Asociación de Empresas de Redondela agradece o interese do centro
educativo por coñecer de preto o funcionamento da Praza de Abastos, así como ao
persoal dos postos pola súa colaboración e ao Concello de Redondela polo seu
acompañamento. Iniciativas como esta contribúen a fortalecer a comunidade e a
transmitir ás novas xeracións o valor do comercio de proximidade, promovendo
unha relación máis consciente e responsable co consumo local.