
A ASOCIACIÓN DE EMPRESAS DE REDONDELA PECHA O PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO CUN 65% DE INSERCIÓN
O programa remata con éxito, consolidando a súa aposta pola igualdade, a innovación e o apoio ao emprendemento feminino.
O Programa Integrado de Emprego da Asociación de Empresas de Redondela, que
nesta edición 2024/25 estivo dirixido exclusivamente a mulleres, clausúrase
cunha ocupación do 65%, reafirmando o compromiso da entidade coa redución da
taxa de desemprego feminino no municipio, que supera a media comarcal e que na
actualidade aínda duplica a dos homes segundo os últimos datos estatísticos
dispoñibles.
Ao longo deste doce meses, mais de 100
participantes beneficiáronse dun plan integral que combinou orientación
personalizada, formación especializada
(mais 600 horas de formación, das cales mais de 300 foron formación do
catálogo de especialidades de SEPE), coaching, mentoring e prospección
empresarial. A formación nos itinerarios de saúde, coidados e calidade de vida
acadaron un resultado destacado en canto a inserción das usuarias. O programa
evidenciou unha elevada capacidade de adaptación ás necesidades individuais das
participantes, mediante a implementación de ferramentas dixitais e a
incorporación de tecnoloxías emerxentes, entre as que destaca a intelixencia
artificial. Esta tecnoloxía foi integrada de maneira transversal en diversos
itinerarios formativos e de orientación, con especial énfase en accións como
“Revolución artificial: ferramentas de intelixencia artificial aplicadas ao
comercio tradicional”, deseñada estratexicamente en resposta á relevancia do
sector comercial na estrutura económica local. Esta liña formativa permitiu ás
usuarias adquirir competencias clave para a transformación dixital do comercio
de proximidade, favorecendo a súa empregabilidade e capacidade de adaptación
aos novos contextos laborais.
A Asociación de Empresas de Redondela, como entidade promotora, puxo en
marcha un ecosistema de apoio que incluíu itinerarios individualizados,
obradoiros de habilidades sociolaborais, accións de titorización e a creación
dun Hub de activación emprendedora, con 3 iniciativas empresariais en marcha
que a súa vez foron xeradoras de novos postos de traballo na comarca e outras
tantas en camiño de constituírse nos vindeiros meses.
Ademais, desenvolvéronse convenios con empresas da zona para facilitar
prácticas profesionais e procesos de intermediación laboral, fortalecendo os
vínculos entre o tecido empresarial e as persoas participantes. Máis de 100
empresas colaboraron con distintas accións do programa e 20 empresas acolleron
a máis de 30 persoas en estancias formativas ou prácticas non laborais en centros
de traballo de Redondela e a súa comarca.
Este programa, que conta co respaldo da Consellería de Emprego, Comercio e
Emigración da Xunta de Galicia, está a demostrar que é modelo de intervención
eficaz, transformadora e que nesta edición ademais puxo o acento na loita
contra o desemprego feminino, especialmente nun contexto local como o de
Redondela, onde a taxa de paro entre mulleres supera a media comarcal e
evidencia a necesidade de accións específicas e integradas.