REDONDELA ACOLLE UNHA XORNADA CLAVE PARA IMPULSAR PROXECTOS DE ECONOMÍA AZUL VINCULADOS AO SECTOR PESQUEIRO E Á DIVERSIFICACIÓN LOCAL
A Asociación de Empresas de Redondela acolleu este mércores unha xornada informativa sobre a nova convocatoria de axudas do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), organizada polo GALP Ría de Vigo-A Guarda en colaboración coa Consellería do Mar e o Concello de Redondela.
O acto contou cunha ampla participación institucional
e empresarial, destacando a intervención da Alcaldesa de Redondela, Digna
Rivas, que subliñou o compromiso do municipio co desenvolvemento sostible e
a economía azul. Tamén estiveron presentes o Alcalde de Nigrán, Juan
González, e o Concelleiro de Promoción Económica de Soutomaior, Óscar
Rodríguez, reforzando a dimensión comarcal da xornada e o interese
compartido en aproveitar os recursos do FEMPA.
A Asociación de Empresas de Redondela, como
entidade anfitrioa e promotora local, puxo en valor a oportunidade que supón
esta convocatoria para dinamizar o tecido económico vinculado ao mar, á
gastronomía e ao turismo, e facilitar a diversificación de actividades no
entorno costeiro.
Durante a sesión, presentáronse as liñas prioritarias
da convocatoria 2026 (procedemento PE155A), que contempla 6,9 millóns de euros
en axudas para Galicia, cofinanciadas nun 70 % polo FEMPA e nun 30 % pola Xunta
de Galicia. Os proxectos subvencionables deberán fomentar a creación de
emprego, a participación das mulleres, a atracción de mocidade, a innovación na
cadea de valor pesqueira, a diversificación económica e a valorización do
patrimonio marítimo.
Redondela, como parte da zona GALP Ría de Vigo-A
Guarda, destaca pola súa industria pesqueira, conserveira e loxística, así como
polo seu dinamismo empresarial. A estratexia EDLP 2021–2027 contempla accións
específicas no municipio para impulsar a economía azul e fortalecer o
desenvolvemento da empresas trasformadoras de productos do mar así como
calquera outra actividade empresarial que supoña a diversificación do
ecosistema productivo vinculado ao territorio costeiro.
A xornada rematou cun espazo de networking entre os
asistentes, no que presentaron as súas experiencias na presentación e xestión
de proxectos do Circulo Recreativo e Cultural de Chapela cunha intervención no
pantalán e a Confraría de Pescadores de Redondela cuxo proxecto consistiu na
adquisión dunha furgoneta eléctrica para a comercialización de productos do mar.
Este networking realizouse co obxectivo
de compartir ideas, establecer sinerxías
e resolver dúbidas técnicas sobre a presentación de proxectos. A organización
valorou moi positivamente a participación institucional e empresarial,
sinalando que Redondela está preparada para liderar iniciativas transformadoras
no marco da economía azul galega.