A PRIORIDADE DA ASOCIACIÓN DE EMPRESAS É EVITAR QUE O COMERCIO DE REDONDELA PERDA O MAIOR EVENTO DA SÚA HISTORIA TRALA NEGATIVA MUNICIPAL A USAR O APARCAMENTO DE VILAVELLA
A negativa da administración local a autorizar o espazo do aparcamento de Vilavella obriga á entidade a reformular, fragmentar e redimensionar un proxecto avalado pola Xunta de Galicia polo seu rigor técnico.
A
Asociación de Empresas de Redondela lamenta profundamente a decisión do
Concello de non autorizar o emprazamento previsto no estacionamento de
Vilavella para o desenvolvemento da campaña extraordinaria REDONDELA NO CAMIÑO.
Esta iniciativa, aprobada pola Xunta de Galicia para o Centro Comercial Aberto,
supuxo un gran recoñecemento ao estar entre os 5 proxectos con mellor
puntuación técnica de toda Galicia. A negativa municipal obriga agora a
reformular un proxecto concibido tras meses de planificación detallada e visión
estratéxica.
REDONDELA NO CAMIÑO: Un proxecto con raíz histórica e estratéxica
Presentada
aos establecementos na asemblea extraordinaria do 14 de setembro —onde se
amosaron infografías detalladas coas ideas e deseños previstos—, a campaña
nacía como unha evolución da tradicional Feira de Oportunidades cara a unha GRAN
FEIRA MULTISECTORIAL nun único emprazamento. A elección de Vilavella como epicentro non foi
casual nin improvisada.
A
marca Redondela no Camiño vai moito máis alá de ser un punto de encontro das
variantes do Camiño Portugués (Central e da Costa): quere destacar o papel
fundamental que todos os camiños históricos de Redondela (prehistóricos,
romanos, medievais, marítimos, fluviais e ferroviarios) tiveron durante máis de
2.000 anos na configuración económica, urbana e comercial da vila. Neste
contexto, Vilavella como punto de unión dos camiños e porta de entrada sur ao
Centro Comercial Aberto e o relato histórico de Vilavella e Vilanova
representaba o escenario idóneo.
Na
asemblea detalláronse as outras actuacións que conforman o proxecto, así, ademais
da Feira Comercial e a Ruta Comercial, a iniciativa inclúe a exposición «Redondela:
A historia da vila comercial» —unha mostra ao aire libre na Praza de Ponteareas
para divulgar a evolución do comercio local mediante fotografías históricas,
paneis e elementos patrimoniais— e o «Pasaporte Comercial», deseñado como un
folleto de promoción con visados e para fidelizar á clientela, xunto con outras
actividades que agora deberán ser reconfiguradas.
Negociacións
infrutíferas .
A
pesar da sólida fundamentación técnica presentada o Concello alegou que o solo
non está adaptado, que o evento podería molestar aos veciños, que se perderían
prazas de aparcamento, que non existe potencia eléctrica suficiente e que a
futura colocación dunha ponte sobre o río podería interferir na celebración. A
Asociación considera que todos estes argumentos son solventables desde un punto
de vista técnico. Así consideramos que: as estruturas previstas non requiren
ancoraxes agresivas e suxéitanse con pesos, tal e como temos feito en outros
moitos eventos que celebrados en prazas
con solos de pedra sen causar dano. A potencia eléctrica puido ser planificada
desde marzo e, en todo caso, é totalmente emendable mediante xeradores. As
alternativas de aparcamento estaban previstas e comunicadas, e a convivencia co
entorno é compatible xa que se trata evento diúrno de carácter cultural e
comercial nun espazo recentemente humanizado que a cidadanía está chamada a
redescubrir. En canto á obra do ponte, non está a restar espazo significativo e
a súa finalización en prazo engadiría valor ao emprazamento inicialmente
planificado ao permitir comunicar coa outra marxe do río e tamén con zonas
susceptibles de ser usadas como aparcamento. O único contrapunto podería ser a
distancia coa zona central, o cal podería restar certa capacidade de interacción
co núcleo comercial. Pero consideramos a configuración do evento tamén
favorecería a interacción comercial co resto da oferta da vila.
Reconfiguración
e novas datas.
A
pesar da frustración xerada e de que esta resolución bota por terra parte do
labor estratéxico realizado, a asociación actúa con responsabilidade e acata a
decisión municipal co único obxectivo de evitar que o comercio local perda unha
axuda a unha campaña tan destacada. E matiza que o único acordo adoptado na
mesa de comercio foron as datas sen facer referencia ao emprazamento.
A
entidade atópase xa traballando a contra o reloxo —pendente de confirmar a
dispoñibilidade dos provedores— para encaixar a campaña nunha das datas
aprobadas pola Mesa Local de Comercio, previsiblemente os días 22 e 23 de
outubro, co fin de evitar coincidencias coa festas da histórica Batalla de
Rande.
A
Asociación de Empresas de Redondela reafirma a súa disposición a seguir
colaborando coas administracións, pero reclama con firmeza altura de miras cara
ao comercio de proximidade, motor indiscutible da nosa vila.